A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 11 de abril de 2024

ALTRI: OUTRA CELULOSA. CHÉGANOS CON SOPORTAR A ENCE.


Carlos Dafonte.


Unha empresa portuguesa quérese instalar no Concello de Palas de Rei; a  actividade no país veciño, acusada de numerosos casos de contaminación é unha realidade contrastada.

Cando apareceu a noticia nos medios de comunicación, anunciábase como unha empresa para a fabricación de tecidos a partir de fibras vexetais. Pensei naquel intre que por primeira vez en Galicia instalaríase unha empresa, cuxa materia sobre a que traballar produciríase fora e aquí levaríamos a cabo un segundo proceso moito menos contaminante e que produciría maior valor. Esa idea que tiven parecía ratificada polo acordo aprobado por unanimidade no Parlamento Galego que, aínda que non tivese moita confianza nas organizacións que din representar a vontade popular, non me preocupei máis do tema.

Estes días, cando dende febreiro xa chegaron os documentos da empresa, atopámonos no trámite da súa exposición pública e no período de alegacións ata o día 17 de abril, e despois de ter lidos páxinas e páxinas de dous documentos que levan por título “Autorización Integral Integrada” e  “Estudo de Impacto Ambiental”, non teño nada claro que a empresa que quérese instalar, se a mobilización popular non o impide, non sexa outra cousa que unha macro papeleira que vai asentarse sobre máis de 300 hectáreas no corazón da Galicia rural. E aínda que este tipo de empresas por medio dos seus voceiros, dean a batalla por convencernos a tod@s que agora xa non contaminan, teñen o dereito de intentalo, a sociedade galega que ten experiencia abondo con empresas que aquí levan a cabo o proceso contaminador e fora de Galicia os procesos derivados, creo que non debe admitir este novo engano.

A fábrica que tentan instalar en Palas de Rei, é unha enorme celulosa que vai contaminar non so a zona de instalación senón a traveso das augas que van verter no río Ulla, as súas orelas e a zoa onde desemboca, a ría de Arousa importante centro marisqueiro do que viven varios milleiros de familias.

Porque en Palas de Rei?, Concello de pouco menos de 3.500 habitantes, cun PIB por habitante de 21.156 euros, maior que o da capitalidade, con moi baixas cifras de paro, con empresas moi importantes como Granxa Campomaior, Jim Sport, Queixos García Vaquero, construíndose, se as miñas informacións non son falsas, unha nova empresa, Bioflaytech para moscas que depois transformaranse en fariña; con 245 explotacións de gando bovino segundo os estudos de 2022, cun total de 12.585 cabezas e con empresas de servizos que xiran arredor do Camiño de Santiago e outras empresas adicadas a “agricultura ecolóxica”, que penso deberían deixar de cualificarse así, cando a celulosa comezara a funcionar.

Pois ben, tentan instalarse en Palas pola razón de que en Portugal non a queren, coñecen a realidade do que significa a produción de pasta de celulosa, a contaminación que produce e por que un exministro dun goberno de España, co seu equipo actuou de “lobysta”, ou se queremos chamarlle doutro xeito conseguidor, e pensou que nunha Galicia en proceso de desindustrialización polo desinterese da Xunta, só atenta a garantir beneficios ás grandes empresas e se son dos seus “amigos” mellor, non tería moita oposición, sería acollida con agrado e o seu nome lembrado por moito tempo por axudar a xerar algúns postos de traballo na terra onde naceu. Pero nin sobre o número de postos de traballo dixeron a verdade; hai dous anos eran 2.500 hoxe non pasan de cinco centenas, se é que chegan a elas. En Portugal, que aparecen nestes momentos de debate,  producen 1 millón e medio de toneladas con 774 traballador@s e en Galicia van producir 400.000 Tn.

As celulosas contaminan e ademais de contaminar, precisan de grande cantidade de eucalipto, especie arbórea contra a que en Galicia lévase loitado moito e dende hai moitos anos e que de instalarse vai pular a súa produción, modificando quizais os usos do solo e perderase superficie dedicada á produción agraria e a outros tipos de especies arbóreas. E o que é unha realidade, o eucalipto arde moi ben como coñecemos perfectamente e como coñecen en Portugal onde hai uns anos decenas de persoas morreron en incendios de montes e comarcas, onde o eucalipto fora plantado para ter madeira para as celulosas.

Outra cuestión e que das augas do río Ulla beben por dicilo dalgún xeito, preto de 100.000 persoas; poden garantir que as augas devoltas despois do proceso de produción da celulosa non van modificar as augas das que captan as depuradoras para uso doméstico?. Creo que é unha cuestión importante.

Por outra banda a empresa afirma nos seus documentos, que os gases que sairán da cheminea de 75 metros, expulsará partículas de restos da celulosa, dióxido de nitróxeno e dióxido de xofre, polo que é fácil asegurar que vai producir “chuvia ácida” e compostos orgánicos volátiles, que queiramos ou non, van producir problemas a determinadas persoas, sobre todo maiores e menores de idade e a “chuvia ácida” terá repercusións sobre a actividade agraria.

Empresa que ademais só instalaríase en Galicia, de contar co regalo da administración de 250 millóns de euros. Estes cartos ou menos, serían moi importantes de investilos nos procesos produtivos de Galicia relacionados coa agricultura, gandaría e o mar e seguro producirían maiores beneficios.

Atopámonos de novo cun dos problemas máis importantes que Galicia, nación sen estado, debe resolver; se vai seguir sendo o territorio de fácil instalación das industrias contaminantes, ou somos capaces e este parécemo un bo momento para discutilo, de artellar, sen apoio da Xunta, que nunca sentiu preocupación polo tema, un plano industrial ligado aos procesos produtivos de Galicia e que ademais delimite con claridade, que industrias estamos e non estamos dispostos a aceptar no noso territorio.

Temos que comprender que “Altri si ou Altri non” é un problema nacional e polo tanto hai que tratalo como tal; desborda ser o problema dunha provincia ou unha bisbarra e a mobilización e a busca de apoios institucionais, Concelloe e Deputacións, por parte de quen ten claro que o “Altri non” debe vencer, teñen que superar estes límites aínda que sexa doloroso apreciar que en esta cuestión, gobernos de coalición cada un dos aliados pensa diferente.


En Galicia no mes de abril de 2024


miércoles, 3 de abril de 2024

QUEN QUERE A GUERRA?

Carlos Dafonte

    Os políticos situados no cumio da organización Unión Europea seguen manifestando un día si e outro tamén, comezando pola señora von der Layden, que a guerra con Rusia vai ser imposible de parar se derrota a Ucraína, porque despois de ocupar todo o seu territorio as tropas rusas seguirán co seu avance ata someter a toda Europa. O que discuten é o prazo do seu comezo; algúns políticos locais como a ministra de defensa Margarita Robles, consideran que a guerra é inmediata, outros consideran que temos un prazo de oito anos, no que Europa débese a armar dun xeito conveniente e despois supoño eu, atacará a Rusia.

Esta xente debía estar un pouco mellor coordinada, pois Margarita Robles fixo as súas declaracións o mesmo día no que Borrell, xefe supremo das relacións internacionais da Unión Europea, facía unhas declaracións sensatas, as primeiras que considero como tales dende que comezaron as hostilidades en Ucraína, afirmando que “a guerra non é inminente e que non debemos aterrorizar á poboación”.  Moitas radios onde hai parladoiros pola mañá, seguen fomentando a histeria e coa mesma leria que denunciaba Borrell.

lunes, 11 de marzo de 2024

A CRISE ECONÓMICA CAPITALISTA E DE HEXEMONÍA DOS USA, AGUDIZA AS CONTRADICIÓNS INTERBURGUESAS.


Carlos Dafonte.


Una fonda crise do sistema

A crise do sistema agudiza estas contradicións, así como o declive da hexemonía da dominación do que coñecemos como “cultura occidental” sobre o sistema internacional. Quero deixar claro que ao falar das contradicións interburguesas, sempre lembro o feito que no século pasado as dúas Guerras Mundiais foron resultado deste tipo de contradicións, polo tanto sobre nós hoxe revolotea tamén esa posibilidade.

Centrándonos no titulo, os cambios que se están a producir no planeta  sufriron un proceso de aceleración nos últimos anos; hai moi poucos, aínda que se me acuse de estar sempre utilizando un mesmo argumento, o artigo do norteamericano Francis Fukuyama, seguido despois dun libro que completaba o panorama sobre “A fin da historia”, foi acollido con grande alborozo, tamén algunhas críticas, na maioría dos medios de comunicación mundiais, pois no mesmo, afirmábase que este “fin da historia”, coa queda do que denominaban “o comunismo”, significaba o trunfo da democracia liberal en todos os currunchos do planeta e polo tanto a desaparición da política, como proceso de confrontación entre ideas antagónicas, o triunfo en definitiva da economía capitalista; todo este proceso, afirmaba significaba “a fin da historia”.

sábado, 24 de febrero de 2024

NON FOI POSIBLE DESPRAZAR AO PP DA XUNTA.

Carlos Dafonte

    Celebradas as eleccións autonómicas, o PP continúa a ter maioría absoluta no Parlamento e polo tanto a Xunta vai seguir nas súas mans. O contexto político tanto estatal como europeo, que analizaba con máis fondura no artigo do 27 de decembro, co avance das forzas da dereita extrema e nalgúns lugares o fascismo, por moito que queiras pensar o contrario, non presaxiaba que Galicia fora a ser algo diferente; somos parte dun estado e da Unión Europea e nos tempos de cambios políticos, como acontece hoxe, non é este o momento de volvelos analizar, moita xente non está moi disposta a poñer o seu voto ao servizo desta fin, aínda que o  pense e o considere necesario. 

O BNG cumpriu, acadou como tod@s coñecemos 25 deputados, pero o Psoe non axudou, perdeu 5 e acadou o menor número de votos en todas cantas eleccións autonómicas celebráronse en Galicia. Sumar ficou acadou 28.171 votos que representan o 1’90 % dos votantes. Cito a estes tres pois seguramente de necesitarse, constituirían un goberno tripartito.

miércoles, 27 de diciembre de 2023

GALICIA 2024: ELECCIÓNS AUTONÓMICAS E EUROPEAS


Carlos Dafonte


O ano que ven imos celebrar eleccións para renovar o Parlamento de Galicia e elixir unha nova Xunta. Após de 14 anos de control absoluto do PP das dúas institucións, agás os militantes máis sectarios do partido fundado por Manuel Fraga, unha grande parte da poboación galega, aínda que o seu voto concédanllo ao PP, están convencidos que non se pode seguir sen proxecto de país que é a realidade na que vivimos en todos estes anos de goberno conservador, e que hai unha necesidade urxente dun cambio de rumbo

E para o mes de xuño, anúncianse eleccións para renovar o Parlamento Europeo e elixir novos cargos que ata o de agora repartíanse entre “populares”, “socialdemócratas” e “liberais”.

lunes, 11 de diciembre de 2023

ONU: UN ZOMBI.

Roberto Laxe

O enfrontamento entre o Secretario Xeral da ONU, Antonio Guterres e o Estado Sionista de Israel, por afirmar que as accións de Hamas non xorden da nada, senón son consecuencia de “56 anos de ocupación asfixiante”, así como a incapacidade das Nacións Unidas para frear o xenocidio dun pobo que está a ser transmitido polos medios de comunicación coma se un filme pos apocalíptico fóra, só demostra que o RIP dese organismo está preto.


Se é absolutamente inútil para pararlle os pés ao xenocidio palestino, para que serve?.


A ONU foi creada en 1945 polos vencedores da II Guerra Mundial, os EEUU e a URSS, á que engadiron a Gran Bretaña, Francia ao que sumaronse un total de 51 estados. A República Popular de China entra en 1971, en substitución da República de China, que foi expulsada.


lunes, 23 de octubre de 2023

ESTÁ A CHEGAR O SEGUNDO INTENTO DE INVESTIDURA. O TEMPO DO PSOE E SUMAR.

Carlos Dafonte

    O primeiro asalto para ter un goberno para os próximos anos finalizou sen que as perspectivas sociais, políticas, económicas, para os traballadores e traballadoras do país foran clarexadas. Coñecemos hoxe que o único que lle interesa a PP e VOX é a “unidade de España”, que segundo estes dous partidos atópase en grave perigo diante da ameaza dunha posible lei de amnistía, non para Puigdemont e algúns outros dirixentes do “process”, como sinalan eles, senón para centenares de persoas que participaron no referendo e que terán que ir aos xulgados para dar conta da súa actividade eses días. Tamén lles interesa moito se Bildu vai darlle a posibilidade de conseguir a investidura a Pedro Sánchez, pois “con terroristas e asasinos” non se pode ter pacto algún, agás si o beneficiado vai ser o PP, e sirva de exemplo os pactos coa forza independentista vasca no Concello de Vitoria cando o PP tiña a alcaldía.

Nas sociedades divididas en clases, cando os tempos de bonanza son lembranzas do pasado e os países do centro do sistema capitalista atópanse inmersos nunha fonda crise que non hai perspectivas de superar, PP e VOX preferiron que a sesión de investidura de Núñez Feijoo se convertera nun sainete, nunha “astrakanada”, nunha crítica constante ao goberno en funcións, antes que facer o que debe facer calquera candidato que enfronte un acto institucional da importancia do que Núñez Feijoo se enfrontou: crítica aos anos do anterior goberno esgrimindo datos obxectivos, e propostas de solucións aos problemas que resaltaches como as eivas máis importantes que ten a sociedade que queres gobernar.